xoves, 23 de xaneiro de 2014

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS



Estimados pais e nais

            O motivo que nos leva a dirixirnos a vós é a seguridade de compartir un desexo e unha responsabilidade. A responsabilidade de educar, dende as casas ou dende a escola, aos rapaces e rapazas que forman o alumnado do IES Francisco Aguiar. O desexo de acadar  cada vez mellores canles de comunicación e coñecemento entre as familias e o centro escolar.

            Neste sentido coidamos que a lectura pode ser un axeitado instrumento para ir construindo este coñecemento e sintonía entre os diversos membros da comunidade educativa. A experiencia, no que levamos do curso, cos clubs de lectura estanos e confirmar que a lectura compartida e a conversa detida sobre ela é unha ferramenta poderosísima para construir convivencia. Seguro que os vosos fillos e fillas xa vos terán contado algo disto...pero tamén podedes botar unha ollada ao blogue da biblioteca( http://biblioaguiar.blogspot.com.es/)  ou ao dos clubs de lectura do Instituto( http://100asparavoar.blogspot.com.es )

            Con todo isto queremos xustificar a nosa proposta, que non é outra que a invitación a que vos sumedes para formar un club de lectura para nais e pais. Queremos reunir ás persoas interesadas en falar periódicamente sobre un libro que acordemos ler.  A nosa idea é que ditos libros sexan tamén un estímulo para falar do que nos une a familias e docentes, a educación. É por iso,  que pensamos elixir libros de ficción pero cuia temática xire arredor destes temas.

            Cada reunión do club de lectura estará moderada por un profesor ou pai-nai e terá lugar no Instituto cunha periodicidade de dous meses ( para que ninguén se vexa agobiado). Os horarios poden ser o máis complicado de coordenar. Deberíamos consensualos  para facilitar a asistencia ao maior número de persoas posible. Por iso, na ficha de inscrición que vos adxuntamos vos rogamos que indiquedes a hora que mellor se adapta ás vosas ocupacións. Logo... con todos os datos, trataremos de chegar á solución máis compartida .

            Agardaremos as vosas contestacións ( ou dúbidas, ou suxestións) que nolas podedes facer chegar por medio dos vosos fillos e fillas  (que traerían a ficha de inscipción ) ou escribindo á dirección de correo da biblioteca: bibliofranciscoaguiar@gmail.com   indicando como asunto “club lectura nais pais” 
O vindeiro 1 de febreiro, coas respostas que teñamos, comezaremos a organizar o club  de lectura. Pero.... ¡a porta do club non pecha! En calquera momento que queirades ou as circunstancias vos deixen podedes sumarvos  ao club, ¡seredes benvidos!

    Betanzos 23 de xaneiro de 2014



Ningún comentario:

Publicar un comentario